jueves, 28 de mayo de 2026

CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS

 A pesares da gran cantidade de baixas que tivemos onte, pasamos unha tarde do máis agradable xunto á autora, María Rei Vilas.

O libro trata sobre Camila, que  viviu durante décadas unha mentira sostida coa complicidade dos que a rodean. No seu regreso á vila de Briana, no verán de 1987, deberá reunir o valor para enfrontarse á verdade. Alí, Antón, o ferreiro artista, pechouse no seu mundo, a arrastrar a dor e a culpa dos que non souberon ver como o mal se estendía ata que foi demasiado tarde. A visita da súa neta, Helia, vivo retrato da avoa, daralle azos para contar o que durante tantos anos calou. María Rei Vilas debuta na novela cunha historia en que a intriga asolaga tanto o persoal coma o colectivo, cun destacado protagonismo das mulleres, uns personaxes inesquecibles e unha trama onde as vítimas silenciadas poden procurar, polo menos, unhas pingas de xustiza. Aurora, Olga, Nidia… son as flores de ferro desta historia. Pero hai máis. Houbo moitas máis.

É un libro escrito con moito agarimo, onde os detalles están moi coidados e as tramas entrelázanse ata facernos ver que todo o que a autora nos conta ten moito de verdade.

Queremos darlle as grazas a María, por achegarse ao noso cole e falarnos de como xestou o libro, das súas emocións, por conectarnos coa realidade e contarnos a parte autobiográfica do mesmo. Grazas tamén por mostrarte tan cercana e por crear un ambiente tan agradable que parecía que nos coñecíamos de toda a vida. Foron dúas horas que pareceron 10 minutos pero de boa gana estaríamos outras dúas máis.
Desexarche tamén moita sorte nos novos proxectos, aínda que estamos seguras de que non a necesitas pola gran calidade que tes e pola gran persoa que es!






1 comentarios:

María Rei dijo...

Parabéns polas dinámicas que xeraron un clima de confianza e grazas pola acollida. Foi un encontro ben agradábel! E con comentarios novidosos sobre a novela: ninguén antes me dixera que vía nela pura ópera. Non serei eu quen contradiga a un experto en Puccini. Un feixe de apertas!

Publicar un comentario